miércoles, 19 de abril de 2023

RENOVACIÓN DA XUNTA DIRECTIVA

Prezadas familias:
Este ano toca renovación da xunta directiva da ANPA.
Como todos sabemos, a ANPA do cole é a asociación de nais e pais dos nenos e nenas que están escolarizados no centro, e igual algúns de vós pensaredes... pero que fai a ANPA realmente? Pois a ANPA fai unha chea de cousas: coordinamos as actividades extraescolares; xestionamos o taller de xogos (madrugadores e mediodía); colaboramos na vida do centro en actividades como o «Comando verde» co que estamos a renovar os nosos patios con hortas; organizamos festas conmemorativas; facemos charlas para as familias en temas como igualdade, primeiros auxilios ou nutrición; axudamos a financiar as orlas e a revista escolar; en Nadal, chamamos a Papá Noel e mandamos as cartas ao Apalpador; participamos no consello escolar na toma de decisións importantes para o noso cole; e, por suposto, metémonos de cheo en todas as loitas necesarias para mellorar a calidade da educación, a accesibilidade, as instalacións ou o servizo de comedor, entre outros.
Isto é só unha pincelada de todo o que facemos desde a asociación. En resumo, a Anpa é unha ponte entre as familias e o cole, unha ponte moi valiosa que pode facer que o noso cole sexa un lugar amable no que todos nos sintamos a gusto e creemos un vínculo especial de comunidade.
Pero claro, lendo isto pensaredes, e como se fai? Todo isto faise a través dunha xunta directiva, é dicir, nais e pais voluntarios que forman parte dela como cabezas visibles da asociación. Os cargos da directiva son: presidente/a, vicepresidente/a, secretario/a, tesoureiro/a e tantos vogais como se queira. Como é de esperar, pensaredes tamén que é moito traballo, que non sabedes facer esas cousas ou que non tedes nada que achegar… Nada máis lonxe da realidade! Todas e todos temos unha chea de ideas que achegar e, se o grupo é bo e hai unha correcta repartición de funcións, só hai que ter ganas e distribuír o traballo en diferentes comisións. Se cada persoa achega algo, a directiva da ANPA é moi levadía e tamén gratificante.
A todas as nais e pais que esteades interesados en participar na ANPA e na súa renovación, enviádenos un correo electrónico a anpaceipchouzo@gmail.com. Convocaremos unha reunión para explicarvos todo en detalle.
Saúdos,
A actual directiva da ANPA

No hay comentarios: