martes, 29 de septiembre de 2020

Preinscrición taller de xogos

Coa intención de que finalmente se firme un protocolo específico para os talleres de madrugadores e mediodía, necesitamos que as familias interesadas se poñan en contacto connosco mandando un correo a anpaceipchouzo@gmail.com no que indiquen o nome do neno ou nena, o curso escolar e grupo, e os días que requeriría do servizo. En caso de poder reiniciar esta actividade, teremos que revisar as condicións da mesma e en calquera caso será previa inscrición, polo que sería de gran axuda que as familias interesadas se poñan en contacto connosco para poder estudar as alternativas e a viabilidade dos talleres.

Grazas pola colaboración.

miércoles, 9 de septiembre de 2020

COMUNICADO DA ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

Primeiro de todo, queremos agradecervos a asistencia a vós e ao equipo directivo do cole aquí presente, grazas Pili. Sabemos que están sendo días de moito estrés nesta volta ao cole inusual e complicada chea de inquedanzas, medos, dúbidas... nun contexto de emerxencia sanitaria nunca vivido pola nosa sociedade.

O motivo desta convocatoria é confirmarvos o que vimos anunciando a través das redes sociais, e non é outra cousa que a día de hoxe non estamos en disposición de poder xestionar os servizos que ata a data se viñan ofrecendo dende a ANPA —taller de xogos matinal, taller de xogos de mediodía e actividades extraescolares—.

Gustaríanos primeiramente poñer un pouco de contexto e explicar a cronoloxía das decisións tomadas.

O día 15 de xullo, publican o PROTOCOLO DE ADAPTACIÓN AO CONTEXTO DA COVID 19 NOS CENTROS DE ENSINO NON UNIVERSITARIOS DE GALICIA PARA O CURSO 2020-2021. Un documento de 99 páxinas creado, ao noso parecer, por persoas que están moi afastadas da dinámica natural dun centro educativo. Este protocolo, no seu punto 12 fala das ANPAS, e di textualmente:

12. Medidas relativas ás familias e ANPAS

12.1. A realización de actividades extraescolares fóra da xornada lectiva dentro do recinto do centro educativo, sexan organizadas pola ANPA do centro ou polos concellos, está condicionada á aprobación dun protocolo que se integrará como anexo no “Plan de adaptación a situación COVID-19 no curso 2020/2021”. O dito protocolo determinará as medidas de prevención e protección fronte ao COVID e determinará con claridade as responsabilidades de organizadores e xestores.

Como podedes ver, a Xunta de Galicia delega toda a responsabilidade nas directivas das ANPAS para a elaboración dun protocolo, e determina a responsabilidade nos organizadores e xestores.

Sobre este punto, queremos dicir que somos nais e pais traballadores, que estamos aquí de forma totalmente voluntaria, e que precisamente estamos aquí porque precisamos destes servizos para conciliar. O que si non somos é técnicos en prevención, seguridade e saúde nos que poida nin deba recaer a responsabilidade de asinar ningún plan. Porque cando falamos de responsabilidade falamos de responsabilidade civil das persoas que formamos a xunta directiva; en caso dunha denuncia, esa responsabilidade recae sobre as persoas que estamos aquí, sobre o noso capital, non sobre o capital da asociación, senón sobre o noso propio. Pero hai unha responsabilidade maior e é a moral.

Sen medios económicos ou humanos non podemos garantir eses grupos de convivencia estable no taller de xogos nin nas actividades, non coa calidade que se merece e moito menos co prezo actual.

Visto isto, a xunta directiva da nosa ANPA, despois de falar co equipo directivo do centro, vemos a imposibilidade de atender a 50 nenos e nenas polas mañás e todo o abanico de actividades que temos pola tarde, polo que o 3 de agosto facemos pública a nosa difícil decisión, sendo a primeira ANPA en dar un paso á fronte ante o que consideramos un abuso e abandono da Xunta á educación pública.

O día 13 de agosto, temos unha asemblea coa Federación de ANPAS da que somos membro (FOANPAS) e por unanimidade se decide plantar todos os servizos (pensade que hai coles nos que as ANPAS xestionan tamén o comedor e nos que se lles exixe todo isto tamén a ese servizo).

Dende FOANPAS facemos unha serie de demandas que vos resumo a continuación:

1. Protocolo concreto sanitario e de distribución dos espazos axeitados (validado por inspector sanitario ou persoal equivalente da Consellería) e específico para cada un dos centros de ensino no que se refire a:

• Aulas matinais, entradas e saídas, grupos de convivencia, materiais de desinfección, máscaras, etc .

• Comedores escolares, horario de inicio, quendas asumibles, monitoraxe necesario para cumprir o protocolo, grupos de convivencia, materiais de separación entre usuarios (mamparas), aulas ou espazos utilizábeis, xeles hidroalcohólicos, panos desbotables, etc..

• Actividades extraescolares, se é posible facer calquera tipo de actividade extraescolar (deportes de contacto...), etc.

2. Fornecer cos recursos necesarios de tipo material (xeles hidroalcohólicos, mamparas, panos desbotables, sinalización, etc.) para levalos a cabo, cumprindo o protocolo específico e os recursos humanos necesarios para cumprimentar as quendas e atender o alumnado NEAE (coidadores/as para alumnado NEAE).

3. Persoal específico de desinfección (resolvelo rapidamente cos Concellos concretos, que son os responsables da desinfección)

4. Facilitar o contacto directo entre o Centro de Saúde adxudicado ao centro escolar e as ANPAS (equipo COVID19 do centro escolar) que xestionan todos estes servizos complementarios para aclarar dúbidas que puideran xurdir.

5. Deixar por escrito no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 nos centros de ensino non universitario da Consellería de Educación que a responsabilidade de todo o acontecido e as consecuencias sanitarias da adaptación do Protocolo COVID19 será da Administración autonómica (educativa ou sanitaria), que é a autora deste Protocolo, e non das ANPAS.

6. Facer fincapé que no Protocolo de adaptación ao contexto da COVID19 non se garante o peche da fenda dixital ou fenda tecnolóxica (falta de dispositivos ou conectividade), que é un escenario que é probable que aconteza novamente nos vindeiros meses polo confinamento parcial ou total do alumnado.

7. Dar resposta á grande incerteza que ten toda a comunidade educativa (as familias sobre todo) sobre o distanciamento interpersoal de seguridade que reflexa o Protocolo COVID19 de 1 metro entre os centros das cadeiras onde se sentan os nosos fillos e fillas e a falla de rigorosidade científica nese plantexamento do protocolo (10 de maio de 2020), xa que provoca que haxa a mesma cantidade de alumnos nas aulas pre-COVID19 (25 alumnos/as) que nas aulas do período COVID (25 alumnos/as) como máximo e sen máscara.

Deuse un prazo prudencial á Consellería para que dera unha resposta e sabedes cal foi? Ningunha!!

Por este motivo na seguinte asemblea, despois de estudiar o último protocolo publicado o día 31 de agosto ás 18:00 h da tarde, no que comprobamos que non se reflexa ningún cambio sobre a xestión das ANPAS, ratificouse o acordado e decidimos manternos na dolorosa decisión de non xestionar os tallees nin as actividades extraescolares.

Queremos que entendades que non somos nós as que vos estamos abandonando, e que nos doe profundamente escoitar ese tipo de comentarios, pois nós mesmas somos prexudicadas desta situación. É a administración a que, despois de anos de desmantelamento da educación pública, pretende que sigamos agochando a cabeza e asumamos unha responsabilidade que non nos corresponde a nós.

O debate non debe ser se as ANPAS  xestionan ou non servizos como o taller matinal, extraescolares e noutros centros o comedor. O debate debe ser que modelo educativo queremos ter de agora a futuro e, se neste momento damos o brazo a torcer, quedará calar e agachar a cabeza nos próximos catro anos.

Porque dende a ANPA estamos loitando para que a educación presencial sexa segura e polo dereito a que todos os nenos e nenas poidan asistir a unhas aulas seguras. Pedímoslle á administración que contrate máis profesores, que adapte e flexibilice espazos, que se preocupe polos servizos de aula matinal, extraescolares, comedores e transporte escolar, aumentando o número de coidadores e espazos. Que se formen equipos técnicos de inspectores/ as de sanidade e educación que visiten os centros e estuden as posibilidades de poder ampliar aulas, que inspección educativa en Vigo valore a posibilidade de trasladar a alumnos e alumnas contratando a profesores e utilizando espazos doutros centros que na actualidade teñen plantas e aulas baleiras cun apoio de transporte escolar.

É dicir, a volta ás aulas ten que ser e ten que ser segura, os nenos teñen que socializar, as familias conciliar.

A volta ás aulas é un dereito dos nenos e debe ser en igualdade de condicións nos coles públicos e no resto.

Dito isto, esperamos que entendades a nosa decisión e apoiedes todas as mobilizacións que se fagan porque se de algo estamos seguras é de que a unión fai a forza e que se saímos todas á rúa e ven a marea de xente que somos, poderemos mudar a situación.

O día 10 de setembro hai unha folga do profesorado, e dende FOANPAS piden que a apoiemos non levando aos nenos á escola e, en caso de non ser posible, que mostremos un brazalete de cor negro.

Moitas grazas.

jueves, 3 de septiembre de 2020

ASEMBLEA EXTRAORDINARIA

A Directiva da ANPA convoca a todas as familias á ASEMBLEA EXTRAORDINARIA que terá lugar o MARTES 8 DE SETEMBRO ÁS 17:30 h NA CANCHA DE BALONCESTO coa seguinte orde do día:

  •  Información da situación actual promovida pola Covid-19.
Recordamos o uso obrigatorio de máscara e rogamos puntualidade.