Comando verde

Fotos do curso 2023-2024 











O Comando verde xorde no ano 2021 como resposta ás inquedanzas dunha serie de familias sobre o aproveitamento de espazos verdes infrautilizados dentro do cole.

Nese momento, a proposta inicial pretendía aproveitar un pequeno espazo na zona do hórreo para botar plantas aromáticas. A actividade levouse a cabo unha tarde de primavera, pais e nais traballaron a terra e os nenos e nenas plantaron distintas especies de plantas aromáticas, co que quedou unha zona delimitada e cunha gran variedade de plantas perfectamente identificadas. Por falta de mans voluntarias e continuidade, pasaron dous anos nos que a nosa zona de aromáticas quedou un pouco abandonada e no esquecemento.

Por sorte, coa chegada de novas familias ao cole, o Comando verde volveu á acción durante o curso 2022-23. Deseñamos e creamos un horto e un lugar moi especial, as «Casas de Bechos», que servirán para aloxar a uns pequenos hóspedes que nos axudarán e nos reportarán moitos beneficios.

Deseñamos este pequeno ecosistema baseándonos na permacultura, que consiste nun método que respecta o medio ambiente, a terra (o chan) e a súa contorna, creando un ecosistema en equilibrio, autorregulable a nivel de pragas, nutrientes, etc. Para iso, o horto debe ter moita diversidade, e aquí é moi importante a asociación entre cultivos, xunto coa asociación con plantas ornamentais. Con esta asociación, uns coidan dos outros, protéxense das pragas que moitos coñecemos (pulgón, mosca branca, araña vermella, verme da cenoria, etc.). A permacultura é moi divertida e os hortos que aplican este método son visualmente moi chulos, aínda que o máis interesante son os beneficios que nos reporta.


Outro papel moi importante é o dos insectos (xoaniñas, cadelas de frade, crisopas, abellas e avespas solitarias inofensivas, libélulas, etc.), moi necesarios na axuda a polinizar o noso horto e para o control de pragas. Se non os molestamos, eles non nos molestan, só hai que observalos e gozar da súa presenza. De feito, xa temos inquilinos nas nosas «Casas de bechos», e nos patios xa temos presenza de xoaniñas e cadelas de frade (tamén inofensivas).

Presentámosvos o que plantamos este ano no noso horto. Entre as tres zonas de hortos, temos: framboeseiro, arandeira, groselleira, amora, caléndula, aliso mariño, caraveis de defunto (tagete), cosmos, violetas, herba de namorar, xarxa, lavanda, pirixel, albáfega, coandro, hortelá, romeu, tomiño, santolina, amorodo, tomate, cabaciña, chícharo, feixón, leituga, faba, cabaza, millo, melón, sandía, cenoria, remolacha, acelga e allo porro.

Nestes meses, as familias pasámolo xenial preparando, plantando, sementando e regando o noso horto. É un proceso de aprendizaxe constante para todas e todos.

Animádevos a participar neste proxecto! Quedamos un par de días por semana para sementar, regar e facer labores de mantemento. Enviade xa un correo electrónico a anpaceipchouzo@gmail.com co voso número de móbil para que vos incluamos no grupo de Whatsapp que usamos para organizarnos. Podedes vir toda a familia!!


 



















No hay comentarios: