miércoles, 28 de diciembre de 2022

Información lotería

Prezadas familias e amigos que mercastes lotería de Nadal:

Á volta das vacacións estableceranse uns horarios para o cobro da mesma.
Permanecede atentos a esta páxina web ou ao noso Facebook (Anpa Chouzo - Vigo)

Saúdos!

sábado, 10 de diciembre de 2022

Prazo para pagar

Familias, aínda tendes o luns 12 e o martes 13 para pagar a actividade de patinaxe sobre xeo, non vos esquezades! Agardámosvos no local da ANPA 😉

martes, 6 de diciembre de 2022

🎅⛄️🎅 VOLVE A FESTA DE NADAL AO CHOUZO! 🎅⛄️🎅

Será o xoves día 22 DE DECEMBRO en horario de 16:30 a 19:00 h. Haberá bar a cargo do alumnado de 6º, música, animación e, para rematar, unhas 🔔 badaladas 🔔 moi especiais.

🎄  Ademais, este ano queremos que o alumnado do cole axude a decorar a árbore instalada no vestíbulo da secretaría. Para iso, cada neno ou nena ten que elaborar o seu ADORNO e entregárllelo aos seus titores e titoras ata o día 20 DE DECEMBRO. 🎄 Os e as profes irán colocando os adornos recibidos e elaborando a lista de participantes.

📜 Con esa lista, o día da festa de Nadal faremos un SORTEO con varios gañadores e PREMIOS, tanto para infantil como para os distintos ciclos de primaria.
Agardámosvos a todos e todas coas vosas mellores galas 💃🌠 e con moitas ganas de pasalo ben!!!!  🎉 🎊 🎆



domingo, 4 de diciembre de 2022

🎉 CONFIRMADA A ACTIVIDADE CHOUZO SOBRE XEO! 🎉

Podedes pasar polo local da ANPA ata o día 13 de decembro para pagar a actividade. O prezo é de 5 €/persoa e 2,5 € cada pingüín.
Lembramos que a xornada terá lugar o vindeiro 23 de decembro, de 11:00 a 12:00 h, na pista de patinaxe sobre xeo de Samil. Hai que chegar con suficiente antelación e é obrigatorio levar luvas  
ÍMOLO PASAR XENIAL! 😄 


lunes, 28 de noviembre de 2022

Carnés de socio

Xa podedes pasar polo local da ANPA para recollerdes os vosos carnés de socio do curso 2022-23.

viernes, 25 de noviembre de 2022

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

O 25 de novembro é o Día internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Hoxe é un día de denuncia, non de celebración. Denunciamos a violencia que se exerce sobre as mulleres en todo o mundo e reclamamos unhas políticas que poñan fin a este mal.
Desde a ANPA do Chouzo, cremos firmemente que a educación é a arma para cambiar o mundo, e neste no que vivimos hai moito que cambiar.
Ao abeiro da subvención concedida pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, os días 19 e 26 de outubro realizamos uns charlas sobre Contos para a igualdade e Educar en igualdade, respectivamente, da man de Erea Devesa de Sexología con Xeito. Para rematar estas formacións, algunhas das participantes elaboramos este vídeo para dar a nosa opinión sobre a educación sexoafectiva.
Aproveitamos a ocasión para reclamarlle á Administración máis recursos e profesionais para traballar esta materia nos centros, dunha forma transversal e para a toda a comunidade educativa.
NON AO MACHISMO!



miércoles, 23 de noviembre de 2022

CHOUZO SOBRE XEO 2022

Prezadas familias do Chouzo:

Estamos organizando unha xornada de patinaxe sobre xeo na pista de Samil durante a mañá do vindeiro 23 de decembro. Poden anotarse grandes e pequenos, por se hai papás ou mamás interesados/as, e o prezo é de 5 €/persoa. Anotádevos ata o 2 de decembro no local da ANPA ou na dirección de correo anpaceipchouzo@gmail.com indicando: nome do neno/a, curso e grupo, nome do(s) acompañante(s) que tamén desexe(n) patinar, e se queredes pingüín (2,5 €, limitado a 1 pingüín por familia). Uns días despois, confirmaremos polas nosas redes sociais se chegamos ao mínimo de 50 persoas anotadas para que se poida celebrar a actividade. Se sae o grupo, teriades que pagar por adiantado no local da ANPA entre os días 5 e 13 de decembro, ambos incluídos.

Cantos máis sexamos, máis diversión para todos/as! ANIMÁDEVOS!!



CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

A ANPA "Emilia Pardo Bazán" convoca a tódolos/as socios/as á ASEMBLEA XERAL ORDINARIA que terá lugar o LUNS 12 de DECEMBRO ás 17:00 h en primeira convocatoria e ás 17:30 h en segunda no comedor, coa seguinte orde do día:

- LECTURA E APROBACIÓN DA ACTA ANTERIOR 

- INFORME DO ESTADO DAS CONTAS

- INFORME DA XUNTA DIRECTIVA 

- PROGRAMACIÓN DE ACTIVIDADES E EVENTOS

- ROGOS E PREGUNTAS

lunes, 7 de noviembre de 2022

🍁 FESTA DO OUTONO 🍁

O vindeiro venres 11 de NOVEMBRO, de 17:30 a 19:30 h, celebrarase no cole a FESTA DO OUTONO organizada pola ANPA.

Haberá animación infantil, maquillaxe, globoflexia, música e moita diversión!

O bar estará a cargo da ANPA e pedimos colaboración ás familias coa doazón de lambetadas, bocadillos, etc. Tamén precisamos voluntari@s para montar o bar e axudar a atendelo. Pasade polo local ou enviade un correo a anpaceipchouzo@gmail.com para anotarvos.

Recordade que todos os nenos e nenas deben estar acompañados e vixiad@s por un adulto.

E se aínda non sodes socios da ANPA, non o dubidedes! Dende a ANPA xestionamos as actividades extraescolares e os servicios de madrugadores e mediodía, organizamos as festas de samaín, magosto, nadal, entroido e fin de curso, e colaboramos co centro na compra de material escolar, na revista de fin de curso, nas orlas así e en todos aqueles temas nos que nos piden axuda. 



viernes, 28 de octubre de 2022

😢 CANCELACIÓN FESTA DE SAMAÍN 😢

ANPA informa:

Prezadas familias, vista a previsión meteorolóxica para o día de mañá, vémonos na obriga de cancelar a festa prevista para a tarde.
Desculpade as molestias que puideramos ocasionarvos e estade atentas ás nosas redes porque anulamos esta festa pero algo faremos cando o tempo o permita.
 

lunes, 24 de octubre de 2022

🎃 Voluntari@s festa de Samaín 🎃

Precísanse voluntari@s para atender o bar e doazóns de comida para a festa de Samaín deste venres día 28 de outubro. Pasade polo local ou enviade un correo a anpaceipchouzo@gmail.com para informar da vosa contribución. Grazas 😊

jueves, 20 de octubre de 2022

🎃 👻 FESTA DE SAMAÍN 👻 🎃

O vindeiro venres 28 de outubro, de 17:00 a 20:00 h, celebrarase no cole a festa de Samaín organizada pola ANPA.

Haberá animación infantil, maquillaxe, concurso de disfraces, globoflexia, música e moita diversión!
Tamén haberá un concurso de cabazas decoradas que tendes que traer da casa.

O bar estará a cargo da ANPA e pedimos colaboración ás familias coa doazón de lambetadas, bocadillos, etc. Tamén precisamos voluntari@s para montar o bar e axudar a atendelo. Pasade polo local ou enviade un correo a anpaceipchouzo@gmail.com para anotarvos.

Recordade que @s nen@s deben estar acompañados e vixiad@s por un adulto.

E se aínda non sodes socios da ANPA, non o dubidedes! Dende a ANPA xestionamos as actividades extraescolares e os servicios de madrugadores e mediodía, organizamos as festas de samaín, magosto, nadal, entroido e fin de curso, e colaboramos co centro na compra de material escolar, na revista de fin de curso, nas orlas así e en todos aqueles temas nos que nos piden axuda.



jueves, 22 de septiembre de 2022

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES CONFIRMADAS

Todas as actividades extraescolares saíron adiante menos pandeireta e baile tradicional, que non alcanzaron o mínimo.
Na primeira semana de clase, as empresas daranvos as súas indicacións para o pago de cada unha delas.

TODAS AS PRAZAS DE PISCINA CONCEDIDAS

Confirmamos que foron concedidas todas as prazas de piscina polo que xa podes realizar o pago da actividade.

INSTRUCIÓNS:

1º Entre os días 22 e 23 de setembro debes realizar o pago da piscina:
- IMPORTE: 62 €/alumno
- CONCEPTO: PISCINA APELIDOS DO(S) NENO(S)
- CONTA BANCARIA: ES56 2080 5104 8430 4001 2105

2º Unha vez realizado o pago, envía o teu xustificante por correo electrónico a: tesoreriaanpachouzo@gmail.com co asunto PAGO PISCINA ou ben déixao no local (en caso de estar pechado podes deixalo na caixa do correo que está na porta do local da ANPA, entre os días 22 e 23 de setembro
)

3º Só para novos alumnos: debedes pasar polo local entre os días 22 e 23 de setembro para cubrir unha ficha necesaria para a piscina. Tamén tedes esa ficha no noso blog (www.anpachouzo.org), que podedes imprimir e entregar cuberta no local, na caixa do correo ou enviar por e-mail

Lembramos que a actividade se realiza na piscina do Carme e que son as familias as que teñen que levar aos nenos ata alí.

martes, 13 de septiembre de 2022

AMPLIACIÓN DE INFORMACIÓN - PISCINA

A continuación, ampliamos a información sobre prazos e procedemento de inscrición en piscina.

Do 14 ao 21 de setembro ás 17:30 h: inscrición en liña (facendo clic aquí) ou presencial. 

Día 22: anunciaremos na web (www.anpachouzo.org) e na nosa canle de Telegram en que quendas entran todas as familias solicitantes (prazas directas) e en cales hai máis solicitantes que prazas dispoñibles. En caso de que haxa máis solicitantes que prazas ofertadas, estas asignaranse por orde alfabética comezando na letra indicada no sorteo da Xunta de Galicia para a admisión do alumnado nos centros docentes sustentados con fondos públicos, e o propio día 22 avisaremos do resultado por correo electrónico ás familias anotadas en ditas quendas. SÓ recibiredes un CORREO ELECTRÓNICO se solicitastes praza nunha quenda que hai máis solicitudes que prazas!

Día 22 e 23: todos os que teñan praza directa ou confirmada por correo electrónico deben facer o pago anual de piscina (62,00 €/neno) na conta da ANPA (ES56 2080 5104 8430 4001 2105) indicando no concepto PISCINA APELIDOS DO NENO/A e enviar o xustificante a anpaceipchouzo@gmail.com, entregalo no local ou depositalo na nosa caixa do correo. 

Atención: Os nenos que se anotan por primeira vez en Natación terán tamén que entregar unha ficha de datos entre os días 22 e 23. A ficha pode imprimirse (facendo clic aquí), cubrirse a man e depositarse na caixa do correo da ANPA ou entregala directamente no local, onde tamén teremos copias para cubrir no momento.

Horarios do local:
Todas as mañás: de 9:05 a 9:20 h
Xoves 15: de 16:15 a 16:45 h
Xoves 22: de 16:15 a 16:45 h
Venres 23: de 16:15 a 16:45 h

lunes, 12 de septiembre de 2022

FORMACIÓN PARA TODA A COMUNIDADE EDUCATIVA

O xoves día 15 de 16:30 a 18:30 h terá lugar unha formación gratuíta dirixida a toda a comunidade educativa do Chouzo impartida por Miudiño.
Patios Vivos Miudiño
Patios de socialización, aprendizaxe e xogo libre.
Renaturalización e enriquecemento das propostas de xogo nos espazos exteriores fan que poidamos embarcarnos nesta travesía de cambio educativo, apoiándonos na Psicoloxía e na Educación Ambiental.
A transformación dun patio é froito do soñar en común da comunidade educativa, e a formación é un paso estupendo para facer dos soños realidade. O noso obxectivo principal é dar ferramentas, coñecemento e propostas que poidan aliar á comunidade educativa a prol do cambio de mirada, con empatía, diálogo e escoita activa.
Temos un colexio fermoso cuns patios amplos e verdes e entre todas nós, familias e profesorado, podemos transformalos e darlle outra ollada, porque o patio é un espazo importante e o tempo de lecer tamén é tempo de aprender.
Non o dubides e participa desta formación, inscríbete no noso correo electrónico: anpaceipchouzo@gmail.com
Teremos servizo de gardería, se o precisas faino saber na túa inscrición, indicando o nome do neno ou nena e as idades (o servizo de gardería é para nenos en idade escolar).

lunes, 5 de septiembre de 2022

Taller de mediodía e Bono 10

Prezadas familias:
Este curso ofreceremos de novo o servizo de Taller de mediodía. A maiores, existirá a posibilidade de adquirir un bono de 10 asistencias válido tanto para o Servizo de madrugadores como para o Taller de mediodía. Maís información aquí

martes, 30 de agosto de 2022

Preinscrición Madrugadores curso 2022-2023

O servizo de madrugadores dará comezo o día 8 de setembro coas condicións e prezos indicadas aquí.

As familias interesadas en facer uso deste servizo xa podedes preinscribirvos mandando a ficha de inscrición por correo a tesoreriaanpachouzo@gmail.com indicando o nome do(s) neno(s) ou nena(s), o curso escolar e grupo, se é de infantil ou primaria, e os días que necesitades o servizo.  
Lembrade que as prazas son limitadas. Por iso, unha vez enviada a vosa preinscrición, recibiredes un correo de confirmación da praza ou ben da vosa inclusión en lista de espera.

miércoles, 8 de junio de 2022

Confirmación de campamento

Confirmamos a realización do campamento durante todos os periodos de verán e con todos os servizos adicionais, do 23 de xuño ao 7 de setembro. Aínda estades a tempo de inscribirvos!

O día 14 de xuño ás 16:30 h celebrarase na sala de usos múltiples do cole unha reunión informativa para todos os inscritos no campamento.

lunes, 16 de mayo de 2022

CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

A ANPA “EMILIA PARDO BAZÁN” convoca a tódolos/as socios/as á ASEMBLEA XERAL ORDINARIA que terá lugar o MARTES 31 de MAIO ás 17:00 horas en primeira convocatoria e ás 17:30 horas en segunda no comedor coa seguinte orde do día:

- LECTURA E APROBACIÓN DA ACTA ANTERIOR

- INFORME ESTADO DE CONTAS

- INFORME DA XUNTA DIRECTIVA

- CALENDARIO DE ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES CURSO 22-23

- FESTA DE FIN DE CURSO

- ROGOS E PREGUNTAS

lunes, 17 de enero de 2022

ADAPTACION DA GUÍA DE ACTUACIÓN ANTE A APARICIÓN DE CASOS DA COVID-19 EN CENTROS EDUCATIVOS A UN CONTEXTO DE ALTA CIRCULACIÓN DO VIRUS SARS-CoV-2

 Como algúns de vos xa sabedes dende a Consellería leváronse a cabo recentemente algunhas modificacións con respecto ao protocolo Covid nos centro educativos coa prioridade de manter a presencialidade nos centros, ao observarse que constitúen contornos seguros cunhas tasas de transmisión moi limitadas. A continuación expoñemos os cambios máis significativos:

Non se confinará a aula como se viña facendo ata o de agora cando apareza un caso positivo, e o alumnado seguirá asistindo á escola normalemente. Dende o centro informaremos de que hai un caso para que extremedes as precaucións (uso máscara, non acudir a espazos multitudinarios, estar prevenidos ante a aparición de sintomatoloxía…) “No caso de alumnado menor de 12 anos, ante a aparición dun primeiro caso nunha aula e ata un total de 4, o alumnado non realizará corentena, independentemente do seu estado vacinal. (a excepción de persoas con inmunodepresión)”. – (Se hai algún mestre ou alumno que poida ser considerado que sufre inmunodepresión deberá comunicarllo ao Equipo Covid do centro adxuntando un certificado médico que o corrobore, para que o teñan en conta á hora de comunicar os contactos estreitos a Sanidade).

As persoas da Comunidade Educativa que sexan caso confirmado deberán permanecer 7 días en illamento, e pasado e tempo (e sempre que non teñan síntomas durante cando menos os 3 últimos días), poderá incorporarse ao centro, mantendo unha vixilancia activa sobre a aparición de posibles síntomas durante 3 días más, ata cumprir un total de 10 días dende o inicio do illamento.

A aula será confinada cando aparezan 5 casos ou o 20% de positivos, xa que se considerará un gromo. Esta decisión será pautada pola Central de Seguimento de Contactos en base á información facilitada polo Centro: “Ante agrupacións de casos (20% ou 5 ou máis casos confirmados de infección activa), seguiranse as pautas xerais para a determinación das corentenas dos contactos estreitos. Esta corentena será de 7 días desde o inicio de síntomas do último caso confirmado (sempre que non se desenvolvan síntomas durante este período). Sempre que non haxa síntomas non será necesaria outra proba diagnóstica (PCR ou test)”.

Cando o contacto dun alumno cun positivo se produce fora da escola (positivo confirmado dalgún familiar co que convive) ao non ter a pauta completa de vacinación o alumno non pode acudir á escola e debe quedarse confinado e seguir as indicacións de Sanidade.

Para a notificación de casos positivos por proba de antíxenos hai que chamar ao teléfono 881540045 (autotest). Avisar ao equipo covid do centro así como ao centro de saúde para que tramite a baixa. Nin o alumnado, nin o persoal do centro, en ningún caso require de proba complementaria para confirmar o positivo, nin de ningunha proba para reincorporarse ao centro.

Se tedes calquera consulta, non dubidedes en contactar co Equipo Covid.

Grazas!