martes, 4 de agosto de 2020

Comunicado COVID

Estimadas familias:

Ante a imposibilidade de cumprir coas medidas requiridas no protocolo emitido pola Consellería de Educación para previr os contaxios por coronavirus, vémonos na obrigación de cancelar as actividades extraescolares e os distintos talleres de xogos (madrugadores e mediodía) no primeiro trimestre do vindeiro curso por non poder cumprir co protocolo establecido pola Xunta de Galicia e polo tanto non poder garantir a seguridade e saúde dos nenos e nenas.

As ANPAS chegamos onde chegamos, carecemos de medios económicos e humanos, somos nais e pais voluntarios, que do mesmo xeito que a maioría de vós temos os nosos traballos fóra do centro e metémonos neste proxecto, de forma totalmente altruista e desinteresada, porque consideramos que somos parte importante na comunidade educativa. O protocolo emitido pola Xunta de Galicia delega toda a responsabilidade nas direccións dos coles e nas das ANPAS, sen dotarnos de medios económicos nin humanos para poder establecer as medidas mínimas requeridas para evitar os contaxios. Non nos dan medios pero si pretenden que asumamos toda a responsabilidade!!!

Tomamos esta decisión dende a directiva da ANPA xunto coa dirección do centro, e custounos moito tomala xa que sabemos da importancia da conciliación. Esta medida foi apoiada polo Consello Escolar celebrado o día 30 de xullo na súa totalidade, como dixemos, as persoas que formamos a directiva da ANPA somos nais e pais traballadores que tamén necesitamos dos servizos que a asociación ofrece, pero a situación que estamos a vivir e a falta de medios obrígannos a tomar esta dura decisión.

As ANPAS levamos toda a vida traballando desinteresadamente a prol do ensino público de calidade, asumindo o papel que moitas veces debería asumir a administración, o Taller de Xogos no noso cole leva funcionando máis de vinte anos, as extraescolares dende sempre, incluso hai centros públicos nos que os comedores escolares están xestionados polas ANPAS... Todos estes servizos non serían posibles de non ser polo esforzo e o tempo dedicado polas familias. Escoitar ao Presidente en funcións da Xunta de Galicia pedirnos un “esforzo” apelando a “un baño de realidade” parécenos cando menos insultante, levamos anos esforzándonos sendo moi conscientes da realidade!!! Pero agora, a maiores, esa realidade ven vestida de pandemia e a Xunta de Galicia pretende que as ANPAS sexamos responsables cos mesmos medios. Declarámonos incompetentes para poder cumprir o protocolo da Xunta, sen medios non hai seguridade.

A medida que avance a pandemia e en caso de que a Xunta rectifique o Protocolo, tomaremos novas decisións, pois a intención da ANPA e da dirección do cole é sacar as actividades a partir do segundo trimestre. Calquera outra decisión estará supeditada a evolución da situación, estaredes informados en todo momento.

Seguimos á vosa disposición polos medios habituais, un abrazo moi forte e moitos ánimos.