Chegou un momento agridoce, cheo de gratitude e nostalxia. Despois de anos de dedicación incansable, despídese Pilar de Araújo, quen foi directora e, sobre todo, profesora das nosas crianzas máis pequenas. Pero non é un adeus, senón un “ata logo” cargado de lembranzas e afecto. O mellor de todo é que queda para sempre a nosa Pili.
A súa paixón pola educación, o seu compromiso con cada estudante e o seu amor pola nosa comunidade, deixaron unha pegada imborrable nos nosos corazóns. Mostra disto é cada vez que exerce de avoa e baixa ao parque de Industria, onde é saudada con afecto e amor polos nosos nenos e nenas, que a arrodean con todo o agarimo.
Quen escribe estas liñas coñeceuna xa coma Directora, e recibiu sempre dela o apoio incondicional para a transformación e mellora do noso colexio. Os corredores e as aulas non serán os mesmos sen a súa presenza, pero o seu legado perdurará. Agardo que este último ano, onde deixou a Dirección para poder dedicarse aos seus nenos, fose o colofón para poder despedirse na súa carreira profesional facendo o que máis lle gustaba.
Estes días de despedida deixan claro que todos lle desexamos o mellor nesta nova etapa da vida. Quédanos a alegría de saber que, como avoa, seguiremos véndoa polo noso Chouzo a miúdo.
Con moito agarimo de toda a comunidade educativa, e dunha ANPA que sempre contou con ela para todo, enviámoslle unha forte aperta.
Fabio Freixeiro – presidente da ANPA
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.